Friday 17 de May de 2024

A Banda Municipal abre este xoves o seu ciclo de concertos de verán, cunha actuación ao aire libre e aberta ao público na praza de San Andrés


O espectáculo deste xoves será o primeiro dos catro que a BMMC ten previstos este mes na cidade, co Centro Sociocultural Ágora entre o abano de localizacións

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) inicia este xoves o ciclo ‘Músicas na rúa’, a súa nova tempada de concertos de verán, que neste mes de xuño abrangue catro actuacións en enclaves como a praza de San Andrés, ao aire libre, e no Centro Sociocultural Ágora.

O primeiro dos concertos terá lugar mañá, ás 20.00 horas, na praza de San Andrés. Baixo a dirección de José Javier Sanz, os e as profesionais da banda interpretarán ‘Músicas para un festival’, con seis pezas de recoñecidos compositores entre os que destacan o estadounidense Alfred Reed e o neerlandés Johan de Meij.

Será o punto de partida para un ciclo de concertos de verán que dá continuidade á experiencia xa vivida na pasada tempada estival, cando a banda, seguindo o plan marcado polo Goberno de Inés Rey e a Área municipal de Cultura, iniciou un proceso de achegamento aos diversos barrios da cidade, ampliando o abano de localizacións dos seus concertos para dar a coñecer o seu traballo, historia e proxecto de futuro.

Catro actuacións ata o día 29 de xuño
Ademais do concerto deste xoves 15, está prevista unha segunda actuación na praza de San Andrés o xoves 22 de xuño, tamén ás 20.00 horas na praza de San Andrés e co director titular da Banda Municipal, Juan Miguel Romero Llopis, á fronte da agrupación.

Tras ‘Músicas de ballet’, e xa o domingo 25 (12.00 horas), a BMMC protagonizará no Ágora o concerto ‘Un mundo de músicas’, un programa de sete pezas que estaba previsto inicialmente para ser interpretado na primeira semana de xuño, en San Andrés, e foi adiado por razóns meteorolóxicas. O público que asista a esta actuación no Ágora poderá disfrutar de composicións de clásicos como Antonin Dvorak, entre outros.

Por último, o xoves 29 de xuño (20.00 horas), a banda volverá interpretar un novo concerto ao aire libre, na praza de San Andrés e co coruñés José Javier Bascoy como director convidado. Bascoy é, actualmente, o teniente músico da Unidad de Música da División San Marcial, adscrita ao Cuartel Xeral Militar de Burgos. Baixo a batuta de Bascoy, as músicas e músicos da BMMC interpretarán ‘Músicas de alma folclórica’, que achegará ao público asistente as composicións de, por exemplo, Jesús Guridi e Joaquín Turina.

Todos os concertos previstos na praza de San Andrés e no Ágora serán de acceso libre ata completar a capacidade prevista.